Sunday 12 de May de 2024

A travesía Sail the Way coñeceu os recursos da Pobra


Unha vintena de participantes na travesía Sail the Way, iniciativa impulsada por North Marinas, elixiron A Pobra como unha das súas paradas dentro do itinerario marítimo con saída de Hondarribia que amosa unha nova forma de face-lo Camiño de Santiago, neste caso por mar e arribando en diversos portos. Para tal ocasión, o Concello, a través da Concellaría do Turismo, programou para o día de onte, xoves 27, unha serie de actividades co obxectivo de amosárlle-los recursos do municipio e que gozasen do tempo en terra.
A tripulación, a maioría de nacionalidade española e francesa, chegou á localidade pasadas as 15.30 horas e dirixiuse a xantar ao restaurante do Náutico para, posteriormente, emprender un itinerario pola vila da man da técnica de turismo, Ángeles Tubío, e visitar enclaves como as igrexas de Santiago do Deán e Santa María a Antiga do Caramiñal ou Villa Eugenia. Ademais, facilitouse toda a explicación en castelán e francés. A ruta rematou no Museo Valle-Inclán, onde foron conducidos polo director da entidade, Antonio González Millán, para coñece-lo edificio e a exposición.
Finalmente, realizouse a recepción por parte do alcalde Xosé Lois Piñeiro e da concelleira do Turismo, Charo Varela. A continuación, procedeuse cun showcooking e degustación de pratos elaborados con produto local, facendo especial fincapé naqueles que proveñen do mar, a cargo de Kike Piñeiro e Eloy
Cancela (A Horta do Obradoiro). A Concellaría dos Servizos Municipais foi a encargada de xestiona-la loxística deste último evento, para o cal se contou coa cociña portátil municipal. Tamén houbo unha intérprete para a lingua francesa.
Os actos concluíron coa entrega dunha bolsa de agasallos para as persoas asistentes (guía turística, folletos, máscara, postais, etcétera) e a estampaxe do selo do Concello nas credenciais das e dos peregrinos. Pola súa parte, o rexedor e a edil recibiron un presente da man de North Marinas.
A tripulación de Sail the Way chegará a Santiago de Compostela este sábado despois de percorrer ao redor de 100 millas náuticas. Realizará a pé o último tramo do Camiño e a misa do peregrino servirá de colofón.
Cómpre sinalar que tódalas actividades se realizaron seguindo as medidas sanitarias establecidas por mor da COVID-19.